Éxito rotundo na estrea de Perreo Paradiso

Kid Mount, unha das figuras máis destacadas da nova xeración urbana galega, presentou a semana pasada en directo o seu EP Perreo Paradiso en Santiago de Compostela, cun éxito rotundo ao congregar a máis de catrocentas persoas na Igrexa da USC, como parte da programación Primavera Cultural da Universidade de Santiago de Compostela.

Como xa pasara en novembro co concerto de 9Louro no mesmo escenario, Kid Mount reafirma de novo que o urbano en galego está de moda e enche os espazos nos que lle invitan a estar. Abandeiran así a nova escena, tanto en traxectoria coma en idade – ambos teñen 21 anos -, que vén pisando forte e que se pode ver cada vez en máis carteis.

O concerto, que tivo lugar o xoves 12 de marzo, foi unha xornada de auténtica celebración para as fans do “neno do monte” ou “o pico e o tres (<3)” -como tamén se coñece a Kid Mount- que fixeron cola dende horas antes de que comezase a actuación para escoitar en directo os temas que forman parte do EP Perreo Paradiso: Intro ó Paraíso, Sudor e Bellakeo, NososDous, Ǫuédate Conmigo e Esta Vida Pide Outra.

Durante o concerto, que durou algo máis dunha hora, ademais das cancións do novo EP soaron temas xa míticos dos seus traballos anteriores como Meu Amor, Viradinha ou En Zona Vella, entre outros, e o público tivo o pracer de desfrutar da presencia en directo dos artistas que teñen cancións en colaboración con Kid Mount e que representan esta nova xeración do urbano en galego coma 9Louro, xmaseda65, Willow GHZ e Chris Indian.

Un directo renovado que comeza co son do violín de Elba Souto en Intro ao Paraíso, que funciona como non podía ser doutro xeito de preludio e dá paso a aparición de Kid Mount entre o clamor xeral do público como punto de partida dunha auténtica viaxe emocional. Esta experienciafrenética inclúe tamén momentos máis íntimos como Outra vez en acústico, no que cobran protagonismo o piano en directo e a voz, nunha aposta firme pola introdución de música en directo no seu show. Toda unha performance inmersiva que convida ao público ao seu Edén, como sucedeu neste concerto de presentación.

Perreo Paradiso é o traballo máis maduro, compacto e ambicioso ata o momento de Kid Mount. Unha inmersión no reguetón dos anos dous mil que representa un convite ao paraíso particular do artista: sen prexuízos, onde se celebra o sentir, o amor propio e a liberdade de ser un/unha mesmo/a.

Neste EP Kid Mount plantexa unha cuestión trascendental que aborda con total naturalidade: “E se o camiño cara o Paraíso non é a renuncia ao pecado, senón a súa plena asunción e vivencia? Non somos almas condenadas pola tentación, senón seres libres que atopan a súa esencia precisamente naquilo que nos prohibiron”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll al inicio